As Benaventuranzas.
Este domingo, a Igrexa convídanos a meditar a páxina máis orixinal e desafiante do Evanxeo: as Benaventuranzas. Xesús, preséntase coma o "Novo Moisés" que entrega unha nova lei de vida. Sobe á montaña para marcarnos o camiño da verdadeira felicidade. Non se trata dun ideal poético, senón do "carné de identidade do cristián"; un reflexo de quen somos hoxe a través da misericordia, a rectitude e a paz. Mateo escribe para as comunidades de xudeus convertidos, que viven no contexto de rotura coa sinagoga. Antes da rotura, gozaban dunha certa aceptación social. Pero, agora, despois da rotura, a comunidade entrou en crise e nela empezaron a aparecer diversas tendencias en loita entre eles. Algúns que pertencían á liña farisaica querían manter o mesmo rigor da observancia da Lei, á que estaban afeitos antes da súa conversión a Xesús. Pero ao facelo, excluían aos pobres e pequenos. A nova lei introducida por Xesús pide que sexan escoitados todos na comunidade como irmáns e irmás.
|